Wednesday 15 de May de 2024

Feijóo destaca a estabilidade e a confianza como os cimentos clave dunha Galicia “con máis e mellores hospitais públicos, máis e mellores colexios públicos e máis e mellores políticas sociais”


Lembra que, a pesar da crise económica, Galicia conseguiu manter intacto o seu autogoberno, ao ser a única comunidade autónoma de réxime común que non tivo que acudir nin ao Fondo de Liquidez Autonómica nin ao Fondo de Provedores

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou a estabilidade e a confianza como os cimentos clave dunha Galicia “con máis e mellores hospitais públicos, máis e mellores colexios públicos e máis e mellores políticas sociais”.

Durante a clausura do XXIII Encontro de Economía Pública, Feijóo renovou o compromiso do Goberno galego con estes dous piares fundamentais para que a sociedade prospere, reflectido no Plan Estratéxico de Galicia 2015-2020. “Un Plan -explicou- que recolle as perspectivas económicas cun horizonte de cinco anos, adaptando o noso modelo aos novos desafíos que nos atoparemos de aquí a final da década”.

Nesta mesma liña, Feijóo lembrou que, a pesar da crise económica, Galicia conseguiu manter intacto o seu autogoberno, ao ser a única comunidade autónoma de réxime común que non tivo que acudir nin ao Fondo de Liquidez Autonómica nin ao Fondo de Provedores.

“Fomos capaces de manter as nosas contas dentro dos obxectivos de déficit e de débeda durante todos estes anos. E, o máis importante, fomos capaces de facelo sen poñer en risco un dos maiores valores que un país avanzado debe preservar: a cohesión social”, aseverou.

Así mesmo, afirmou que manter a calidade dos servizos públicos básicos, especialmente da sanidade e a educación, “foi e é a nosa grande prioridade”.

O titular da Xunta mencionou os avances acadados en Galicia nestes últimos anos e citou como un dos logros máis importantes que a Comunidade deixou de destruír emprego.

Feijóo lembrou os esforzos que o Goberno que preside tivo que facer para cadrar as contas públicas e sinalou que, grazas a aquel empeño, “hoxe podemos traballar coa marxe que nos outorgan uns presupostos expansivos, cun incremento do 4,3%”.

“Cando chegamos ao Goberno tivemos que pedirlle aos empregados públicos un esforzo extra e, grazas á súa colaboración, hoxe podemos devolverlles parte daquel esforzo, amparados nun crecemento económico como non se producía desde 2007: cun 2,1% interanual”, engadiu, logo de incidir en que “a responsabilidade e o control das contas públicas permitiron á Xunta emprender a maior baixada impositiva da nosa historia”, concluíu.